Carballo merece esta oportunidade

MANUEL TRIGO CANCELA

CARBALLO

TRIBUNA ABERTA | O |

07 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

É IMPORTANTE para todos o progreso e modernización do noso Concello. Por iso debemos aproveitar as oportunidades de mellora que se nos presentan. A reforma da praza do Concello é unha desas oportunidades. Trátase do fomento da calidade de vida dos veciños de Carballo, obxectivo primeiro da corporación municipal, e debe ser o eixo principal, tamén, de todos os representantes políticos e dos axentes sociais. Oporse a estas melloras é ir en contra do progreso de Carballo e dos seus veciños. Pódese criticar o que non se coñece? En democracia é dereito dos cidadáns estar informados e deber dos seus representantes facerlles chegar as informacións que se producen nas diferentes Administracións, neste caso no Concello. O falar por falar é, para un representante do pobo, un síntoma de irresponsabilidade manifesta, faltando ao seu deber público cos veciños e á verdade, pois no Concello de Carballo existe total transparencia e non se lle oculta nada a ninguén. Atendendo ás demandas dos veciños, queremos mellorar a nosa praza. Por iso imos dotar a zona verde de novos equipamentos, sen reducir a súa extensión actual, para que todos a poidamos usar coa mallor comodidade; os nosos pequenos terán un lugar mellor onde xogar, tamén os nosos maiores disporán dun lugar axeitado para o seu lecer, o San Xoán e a feira dos domingos veránse beneficiados coa mellora da praza, que dará unha acollida axeitada nos tempos actuais á cada vez máis importante afluencia de visitantes. Carballo, como referente e capital da comarca, debe dar unha imaxe de modernidade e progreso ante os visitantes que se citan cada domingo na feira ou cada ano nas nosas festas. Aparcadoiro A creación dun aparcadoiro, que disporá de 500 prazas, é unha solución á alta densidade de tráfico no centro da nosa vila, reducirá os molestos ruídos e propiciará que moita máis xente se achegue á zona para pasear e facer as súas compras, e que non marche por non atopar un lugar onde deixar o seu coche. O mesmo sucede co centro comercial, que influirá positivamente na activación do comercio da zona. Agora mesmo vemos como moita xente marcha a outros concellos a facer as súas compras, pero a implantación dunha área comercial dará máis vida a Carballo e será un punto de atracción de clientes e visitantes que dinamizará o comercio local, como xa pasou noutras vilas e cidades da provincia. Carballo merécese esta oportunidade de progreso, debemos saír do estancamento do pasado, a pesar de que algúns afirmen que non facer nada é o mellor xeito de gañar o futuro. Aprendendo dos erros do pasado, que son ben coñecidos por todos, non repetiremos prácticas que deixaron a Carballo fóra do tren do progreso durante tantos anos.