A ATALAIA | O |
02 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.LEMOS NA prensa que o BNG presentou no Parlamento Galego unha iniciativa para declarar a paraxe dos Penedos de Traba e Pasarela monumento natural. Parabéns por esta decisión, pois xa era hora de que se tomasen medidas para protexer esta riqueza xeolóxica e paisaxística que para si quixeran noutros comarcas galegas. A Costa da Morte ten como mascarón de proa o cabo Fisterra, pero ¿tería o encanto especial que ten sen eses luminosos bloques pétreos de granito rosado do macizo do Pindo e dos Penedos de Traba e Pasarela? Non, sen dúbida. Por iso hai que protexer este tesouro. Na obra colectiva A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte , que temos en espera de publicación, propoñemos unha serie de rutas turísticas singulares para esta comarca: a do megalitismo, a dos naufraxios, e, asimesmo, a dos Penedos de Traba, Pasarela e Piñeo, que coñecen moi poucas persoas e que conviña promocionar axeitadamente. O Instituto de Estudos Bergantiñáns organizara o ao pasado algunha excursión que deixara marabillados os excursionistas. Trátase dunha zona inhóspita e agreste, moi montañosa e pedregosa, exposta cara ó mar aberto, pouco propicia ós asentamentos humanos. Banda marítima Esta banda setentrional da Soneira marítima nace nas parroquias de Traba (Laxe) e de Calo (Vimianzo) e presenta un relevo moi accidentado. Dos Penedos de Traba e Pasarela pasamos á Serra da Pena Forcada, con elevacións de evocadores nomes que, a pesar de que só algunha acada os 300 m, semellan verdadeiras torres-vixía sobre o océano: Alto de Rascalobos (300 m), Pena Tellada (238 m), Pena da Aiga (166 m), Petón de Martiño (238 m), Pena Cantadora (248 m), etc., pertencentes ás parroquias de Calo e Carantoña. Pasando Camelle e segundo avanzamos cara ó cabo Vilán as formas vanse redondeando; as súas maiores altitudes son agora Canladrón (235 m) e o Alto da Gurita (248 m). Na costa norte de Bretaña (Francia) hai un tramo de rochas semellantes ás nosas e cóidano como ouro en pano. Mesmo lle deron un nome turístico: a Côte du Granit Rose (a Costa do Granito Rosado). A nosa pode chegar a dar parecidos beneficios turísticos. Non é para menos, pois os chamados granitos biotíticos son as rochas predominantes; forman parte dun plutón elíptico que chega ata o cabo Vilán, presentan unha típica cor rosada e o seu gran é de tamaño medio, aínda que ás veces é de tipo porfídico. É un tipo de granito que famosos xeólogos como o laxense Isidro Parga Pondal ou o francés Henri Nonn bautizaron -precisamente- como «tipo Traba ou Pindo». Bordeando a costa hai unha pequena rasa non moi ancha, froito da erosión litoral, de beleza salvaxe, na que hai unha chea de areais ou praias e, especialmente, de coídos (praias de coios). Tamén son frecuentes os arrecifes e baixos que bordean os cabos e puntas costeiras, de moito perigo para a navegación, pois ocasionaron moitos dos naufraxios que lle deron a esta franxa costeira unha triste sona: a Pedra do Porto de Camelle, a Laxe da Cagada do cabo Veo, os baixos da punta do Boi ou cabo Tosto (onde naufragou o Serpent , etc.