ARA SOLIS | O |
01 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A PARROQUIA carballesa de Sofán ten características que a diferencian de outras. Unha delas é a súa poboación, que ronda os 1.500 habitantes, e outra é a grande actividade das asociacións que integran a moitos deses veciños. Non hai máis que ver o programa da Unión Democrática de Pensionistas (UDP), a primeira destas características que se fundou na zona e que estendeu o seu exemplo á veciña parroquia de Berdillo. Despois da viaxe do mes pasado polas Rías Baixas, xa están preparadas outras dúas excursións a Benidorm, do 3 ao 10 de abril, e a Segovia, Aranjuez, Toledo e El Escorial, do 22 ao 25 de maio. Unha das características destas viaxes é que conxugan os aspectos lúdico e cultural, pero o que máis chama a atención é a grande demanda que teñen entre os maiores. Claro que no movemento da UDP de Sofán ten moito que ver o crego, que, sen dúbida, é un dos grandes dinamizadores da vida social da parroquia. E non só pola súa colaboración coa entidade dos pensionistas, senón tamén coa asociación de veciños San Salvador, que tamén para este mes ten preparada a súa tradicional xa comida de confraternidade. Poucas cousas hai que unan tanto como unha viaxe en compañía ou como unha boa comida. Sobre todo, como é o caso da que este domingo vai celebrar a UDP, son os organizadores os que convidan. Pero a actividade sociocultural en Sofán aínda pode ir a máis, porque nos orzamentos municipais deste ano inclúese unha partida para construír, por fin, o ansiado centro social, polo que tanto levan pelexado tanto as dúas entidades citadas máis arriba como a de Mulleres Rurais e mesmo a de pais de alumnos, as outras dúas que completan o mapa asociativo da parroquia. Para que se vexa que tamén na zona rural hai iniciativas e que os veciños, aínda que haxa que empuxalos un pouquiño, participan.