Acrópole

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

24 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A ACRÓPOLE de Soneira está entre o triángulo formado por tres lugares míticos, Pasarela, Camelle e Traba. A gran cidade vese dende ven lonxe, por mar e por terra. O granito salvaxe feito arte. Se na Atenas clásica eran a filosofía e as artes o que sobresaía na beira do Partenón, nesta outra acrópole é a maxia, a dos vellos druídas facendo bebedizos e sacrificios sanguentos e máis do vento e o tempo os que van modelando figuras máxicas nas pedras. Estes días, alí arriba, o vento asubía e mete o frío ata as entrañas. Nas xornadas de treboada eolo berra doente coma se as almas de todos os náufragos da Costa da Morte se puxesen a pedir xustiza alí no alto. Na acrópole da Costa da Morte non traballou Fidias, pero a súa arte é inmensa. Nin tivo a sorte de que Esquilo ou Sófocles poidesen ver representadas a súas traxedias inmortais, pero si é posible ver escenas imaxinarias e tamén eternas naquelas rochas cheas de figuras. A nosa acrópole non tivo un valedor coma Pericles nin houbo a fortuna de que Sócrates dera un día unha volta pola Pena Forcada para pararse con calquera que estivese apañando o toxo ou collendo unhas pinas para profundar sobre a vida e o saber: eu só sei que non sen nada. E xa é saber abondo. O saber máis grande é humilde, porque é imposible sabelo todo. Alí non hai columnas dóricas nin xónicas. Nin tivo a Atenea, a filla de Zeus e de Metis, como protectora, nin, por desgraza, a ningunha outra deusa cristiá nin pagá. Só o tempo, Cronos, protexiu á cidade encantada da Costa da Morte e máis o silencio e o esquecemento, o paso dos séculos e os toxos que medraban entre as pedras. A senlleira arquitectura, como dicía Otero Predrayo, forma «a pudente familia de pedra que preside os horizontes mariños dende Corme ata Lourido», polos tempos dos tempos. Se ninguén o impide e todos o pretenden.