ARA SOLIS | O |
20 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O MAR da Costa da Morte tolea e brúa estes días. Dá poutadas e arrabea polas rochas arriba. Cando se pon así fero sempre fai nelas. Logo vai vomitando os restos da súa desfeita. Onte foi inzando as praias do noso litoral de miles de obxectos. Mercadurías que viñan do oriente lonxano e que foron quedando pousadas nos nosos areais coma unha mostra do poder infindo no noso mar, tan cruel e criminal como fermoso. Foi botando fóra baratixas das de todo a cen, produtos de mercadiño que sempre tentan a un a encher o carro e que logo hai que tirar porque estorban na casa. Ninguén se pode facer rico coas cousas que onte aparecían no ribeira. Todo máis un recordo para amosar a grandeza e a miseria deste noso mar de lenda. A historia desta costa está chea de episodios épicos, de grandes heroes do salvamento. E tamén de historias que unhas veces conmoven e outras dan risa. Como aquel paisano que despois do naufraxio do Nil marchou cunha caixa ao lombo e ao dar os primeiros pasos notou que algo se movía dentro do bulto. Era un carabineiro que se metera no saco para resgardarse do frío. Este vapor francés bateu no 1927 contra a costa de Arou. Levaba dende autos ata sedas de Damasco e champán. Houbo rateo. Algúns ata chegaron a calear as portas con leite condensada por pensar que era pintura. Logo, non paraban coas moscas. Puxeran de vixiantes a uns camelláns que facían o café con champán. A lenda da Costa da Morte foi engordando con feitos e acontecementos así. Como cando o Banora botou 1.600 toneladas de laranxas á costa. Fixeron falta moitos astrinxentes. Pero eu quédome con aquel buque que deixou a música dos acordeóns na marea. O mar, como nunca, tocaba o seu son de gran rei da natureza. Os acordeóns soaban ao ritmo das ondas, esa música do poderoso ferido doente e tenro ao mesmo tempo.