Entrevista | Emilio Louro
17 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.? proxecto desenvolvido dende a Confraría de Pescadores de Lira está a ser un dos máis chamativos de Europa por supoñer un dos exemplos máis claros de desenvolvemento sostible ao redor dunha actividade artesanal nunha área con dificultades para saír adiante. Hoxe están a demostrar que o futuro pasa pola sostenibilidade. -A voltas co desenvolvemento sostible. -Traballamos precisamente nesa liña. Traballamos no presente pensando no futuro, nos nosos fillos. Mardelira é un proxecto claramente sostible enfocado en varios campos de actuación, o económico, o socio cultural e o biolóxico, por citar os máis destacados. -É un proxecto que parte dos problemas que afogan aos pobos do litoral galego -Efectivamente. Un dos motivos que moveu á nosa confraría a traballar para cambiar o sentido das cousas foi que viamos como a poboación envellecía, non había relevo xeracional na actividade pesqueira e os mozos estaban a marchar fora na busca de emprego na emigración. Ante isto, unha vez analizada a problemática, intentamos buscar solucións e vías de desenvolvemento. -¿Que se lles ocurriu? -No plano económico, preguntámonos como mellorar a comercialización do peixe e marisco. Así xurdiu Lonxanet, un sistema de venta directa ao consumidor co que se garante a trazabilidade do produto. No eido sociocultural puxemos en marcha Mardelira, a iniciativa pola que máis nos coñecen, e que pretende dignificar a profesión do mariñeiro coa participación activa dos profesionais mediante accións de tipo didáctico con escolares e facendo que os mariñeiros se convertan en guías dos turistas, como auténticos catedráticos do mar que son. No campo biolóxico intentamos acadar un compromiso co mar respectando e racionalizando os recursos. -¿Houbo moitos atrancos? -No 2001 puxemos en marcha a idea da comercialización. O primeiro que houbo que xerar foi credibilidade no proxecto. Ademais, implementar a técnica de Internet nun sector tan conservador, foi case de risa. O aspecto turístico de Mardelira botou a andar no 2003, o ano do chapapote do Prestige. O noso pobo foi dos máis afectados pola marea negra. Ogallá nunca tivera sucedido, pero aquel impacto serviu para que a xente pensase en alternativas. Nunca esquecerei o que dixo o patrón maior de Lira ante o comisario de pesca da UE. Non quería pasar á historia por ser o patrón da xeneración de pescadores que esquilmaron o mar, dixo que tiña a obriga de deixar como herdanza un mar coas mesmas posibilidades que as que el recibiu dos seus pais. -¿Cambiaron as cousas co proxecto en marcha? -Xa estamos detectando bos resultados. O ano pasado Lira bateu todos os récords de afluencia de turistas. No mar, en algunhas especies nótase unha recuperación do número de exemplares ao tempo que se melloraron as vendas e os prezos. Será necesario facer un estudo máis en profundidade, pero si é certo que se deu un repunte da incorporación de mozos á actividade pesqueira. Isto aínda é un proxecto que se está a consolidar.