«Os produtos da Costa da Morte compiten ao máximo nivel»

La Voz S. G. | CARBALLO

CARBALLO

Entrevista | Henrique Mariño O xornalista carballés publicou o traballo «Galicia sabe a mar»

11 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O xornalista carballés Henrique Mariño, de 30 anos, acaba de gañar a duodécima edición do Premio Nacional de Periodismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, na categoría de mellor traballo publicado en medios de comunicación escritos, pola reportaxe Galicia sabe a mar . O texto aparece no número 8 da edición en español da revista especializada Spain Gourmetour , que aborda a gastronomía, os viños e as viaxes. O premio Cunqueiro está convocado polo Concello de Lalín, en colaboración con varias entidades, e está dotado con 4.000 euros. -¿De que trata o traballo premiado? -Sobre crustáceos e moluscos en Galicia. Dezaséis páxinas con moitas fotografías. Subín desde as Rías Baixas ata a Costa da Morte, e centreime na ría de Arousa, en Corme e Malpica. Falei dos percebes, da lonxa malpicá... -Para vostede sería sinxelo, porque é de aquí. -Non tanto. Ser galego para isto é unha vantaxe e un inconvinte, porque do que se trata é de contar o que hai con ollos de estranxeiro. Non podía falar cos ollos dun galego, tiña que abstraerme de determinados conceptos que aquí xa damos por feitos. O que se conta teno que entender desde un xaponés ata un canadiano. -¿Tamén se le por aló? -Por moitos lugares. A revista distribúese en 54 países de todo o mundo. Está editada polo Instituto de Comercio Exterior para fomentar a imaxe de España no estranxeiro, e nela escriben grandes críticos e chefs internacionais. É unha revista de calidade, cun deseño exquisito, na que se fuxe de visións localistas. O 90% dos lectores son extranxeiros, en España hai poucos, pero son xente moi especializada no mundo gastronómico. -Tocou vostede moitos alimentos bos da zona de de Galicia. ¿Pensa que os nosos están á altura dos mellores? -Claro, hai moitos que si, os produtos da Costa da Morte, do seu mar, compiten ao máximo nivel non só en Galicia, tamén fóra. Henrique Mariño colaborou, entre outros moitos medios, en La Voz de Galicia, onde fixo prácticas ao comezo da súa andaina profesional. Na actualidade traballa na delegación da Axencia Efe en Sao Paulo, en Brasil.