ARA SOLIS | O |
02 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.UN AMIGO de Muxía chamoume onte un pouco amolado porque, segundo dicía, na columna do Ara Solis adicáralle moitas loas a Fisterra e ningunha ao seu pobo, que, na súa opinión -e na miña-, tamén as merece. Ademais argumentaba que Muxía é a fin dun dos dous extremos do Camiño. A onde os peregrinos veñen a navegar en soños a bordo dunha lancha de pedra e onde o Atlántico amaina coma se quixese axeonllarse diante do seu santuario. ¿Onde senón a nosa gran poeta quixo curarse dos seus males? Non é estraño, pois, que Rosalía lle deixase para sempre o fermoso alcume da Noiva do vento. Ao primeiro, o meu amigo deixoume un pouco descolocado, pero a medida que ía matinando no asunto respondinlle que para nada querería deixar por menos a Muxía nin a ningún outro pobo da Costa da Morte. Nin é menor a miña paixón pola vila da Barca que a que un poida ter por Fisterra, dous pobos sen comparanza. É inesquencible aquela lenda fermosa de Buxerán e a súa amada, á que o pai tivo que pechar na torre do castelo para que non seguise ao seu trovador. A traxedia merecía ser universalmente inmortalizada pola pluma de Shakespeare. Muxía, que rivaliza con Zaragoza na presenza mariana, nunha máxica gamela de granito que se converteu en lenda para os séculos dos séculos. E ¿que diran os ventos de Touriñán?, ao que lle roubaron o mérito ser o punto máis occidental das Españas. Susurran historias de heroes, de homes do mar que reinan sobre ondas. ¿Quen non viviu con febre xuvenil a súa romaría?, onde, rezos e milagres a parte, un pode vivir aventuras incribles. Non se me pode esquencer a imaxe dun coñecido preguntando pola súa dona ás oito da mañá. Non me atrevín a contarlle que un par de horas a vira do brazo dun mozolo de pelo crencho. E non me arrepentín. Aínda hai pouco que os encontrei collidos do brazo e tan namorados.