DIÁLOGOS NO MOSQUETÍN | O |
01 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A FAMILIA Batán do Mosquetín está preocupada porque nas aldeas da parroquia de Salto son moitos os comentarios sobre que en Santiago de Compostela o novo goberno vai recuperar os oficios artesáns tradicionais de Galicia. Pensan que a idea é boa, aínda que chega con moito retraso, porque algúns oficios esmorecen sen deixar herdeiros, coma aconteceu recentemente co falecemento de Emilio de Canduas, que era o único cesteiro cabanés en activo. Eles os tres están verdadeiramente animados e coa roupa de paseo disposta para presentarse axiña nos despachos que sexan: Cultura, Industria ou Medio Rural. Don Batán: Levo máis de cincuenta anos cavilando sobre o futuro do noso oficio. Fun sempre un declarado inimigo contra da fabricación en serie e resulta que agora os novos tempos dánme a razón porque hai millóns de persoas que non queren nin de balde unha manta Made in China . Dona Batana: Levas razón, meu home. Agora a xente quere produtos naturais daqueles que saen da xuntanza entre as mans e as manlles de carballo da Costa da Morte. O asunto do progreso non hai quen o entenda. Cría que o destino final da nosa vella madeira estaba nunha cacheliña de San Xoán e resulta que temos unha tarefa por diante como líderes punteiros no abatanamento das mantas do século XXI. Batanciño: Quizais, penso eu, influíra no cambio de mentalidade o feito de que desde o primeiro de agosto temos con nós a catro técnicos especializados en promoción turística da Costa da Morte. Poida que as súas convincentes palabras abriran ducias de corazóns aos nosos esforzos de séculos nesta alonxada beira do río Grande. Houbo varios matrimonios de Barcelona e Madrid que preguntaron se había algún libro para deixar por escrito o encargo de mantas dunha e dúas prazas sempre que levasen ben visible o selo de Made in Costa da Morte . Dicían que o prezo sería sempre baixo porque non hai retribución de abondo para pagar as horas de agarimo que leva dentro cada abatanamento.