O vento

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

10 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

GÚSTAME O vento de Touriñán, de Vilán, de Fisterra ou do Roncudo, dos nosos catro grande cabos. E gústame porque zoa rudo e trae as mensaxes engaiolantes do mar da Costa da Morte. O mesmo que arrabea polos acantilados arriba coma un gato enfurecido formando un cadro que ningún pintor foi quen de pintar ata o de agora. Non hai cartos que paguen nin letras que podan describrir o espectáculo que día a día se ofrece dende a beira das nosas costas. É un vento forte e firme, como a mirada dos nosos labregos vellos, que son testemuñas dunha vida gañada a pulso e a brazo partido contra a miseria dun tempo escaso de liberdade, cando votar era un disimulo e para cantar había que pedir perdón. Eses vellos que agora ríen con poucos dentes ou coas pezas dentais brancas recén saídas da clínica do odontólogo. Son dentes pagados co último subsidio da vellez. A paga do día primeiro do mes, a pensión, foi como unha beizón para quen tivo que gañar cada grao de cereal para o pan como quen lle arrinca os céntimos ás pedras a golpe de picaraña. Esta xente fixo máis por esta terra que todos os plans chegados de Bruxelas. Se non fosen por eles, as leiras estarían a toxos como empezan a estar agora que os seus brazos xa van vencidos pola reuma e máis polo tempo. Son eles os últimos gardas do rural, os derradeiros valedores da paisaxe tradicional, que se vai enchendo de tellados de uralita e máis de bloques de formigón. O outro día, un destes vellos comentaba que lle gustaría ser novo outra vez para facer un pequeno traballo. Pregunteille que tipo de tarea quería realizar e contestou que habería de demostrar que era máis rendible construír ca destruír, que é no que moita da xente deu nos últimos tempos. E deciao mirando cara un fermoso cabazo que uns albaneis estaban desmontando para facer o pavimento dun chalé.