ARA SOLIS | O |
13 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.EN CARBALLO empezaba a haber onte certa preocupación entre un sector do Igrexa militante. O rumor foi tomando corpo ao longo da tarde e fíxose máis insistente coa chegada da noite. A xente falaba polos cornechos, pero non se atrevía a comentar o tema abertamente cando había alguén que preguntaba sobre cal era o cuestión que traía tan ensumida a unha parte dos fregueses da capital de Bergantiños. Onte foi unha xornada de oficios relixiosos de relevo na igresa de San Xoán. A última hora da mañá, houbo unha misa solemne en honor de santa Lucía coa ocasión dos actos da patroa dos invidentes. A Once é unha organización que fai moito ben na sociedade. Por unha banda, contribúe a integración laboral e social de moitas persoas con problemas físicos e, pola outra, ten repartido gran cantidade de premios nesta bisbarra. Pola noite, a Agrupación Polifónica de Carballo cantou noutra misa, tamén na honra de santa Lucía, e máis dou un recital, no que tamén participou o Orfeón de Cee. Non puiden oír aos pupilos de Tatiana Pankrátova, que estes días anda moi ocupada entre gravacións de discos e actuacións, pois o pasado sábado o seu grupo de Baio tamén actuou en Lorbé, xunto con outras formacións, sobre as que destacou, e con moito, segundo me comentou un compañeiro que seguiu a interpretación de cinco temas que se fixeron curtos para o público. O caso é que onte houbo dúas misas solemnes na capital de Bergantiños e a ningunha delas asistiu o alcalde, que, de momento, non fixo ningunha declaración oficial se a súa ausencia foi debida a un alonxamento da Igrexa oficial -despois do que leva chovido dende Madrid non sería estraño- ou se foi por problemas de axenda. Debería aclarar estas cuestións o rexedor porque, como diciamos, a preocupación vai en aumento. Nunca tal fixera.