ARA SOLIS | O |
09 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.TEÑO QUE confesar que o único que me gusta da caza son os paspallás estufados, a lebre á baztanesa, o xabarín guisado ou estufado, as perdices malilló, o coello de monte á cazadora ou o coquelette de pichón. Hai que recoñecer que algúns destes platos son verdadeiramente sabedores e hai auténticos especialistas destas composicións culinarias, algúns deles na Costa da Morte, sen ir máis lonxe. Aínda así, e todo hai que dicilo, algúns destes pratos non son moi aconsellables para quen ten que gardar réxime, pero unha excepción sempre se pode facer e de algo hai que morrer. Xa digo, da caza nadiña. As escopetas non son boas compañeiras. Hai quen nin sequera querería pousar para as fotografías con xabaríns sacrificados despois das batidas. Da magoa velos así mortos. Parece que non está nada en consonancia co respecto que debemos ter polo medio ambiente e co equilibrio das especies. Hai de todo entre os cazadores, pero máis de un debería ser máis responsable e non tirarlle a calquera becho que se move. Nunha ocasión, topeime cun grupo que andaba ao raposo, que abunda moito e, ás veces, fai estragos na colonia de coellos da bisbarra. Hai que facer a excepción de Panchita, aquela raposiña mansa que ía de tapas pola Torre de Laxe. Volvendo ao que contaba, como non cobraran ningunha peza, andaban entreténdose en arrearlle tiros a unhas botellas de plástico e máis ao que lle cadraba. Un deles estaba moi incomodado por non ter atopado ningún exemplar. De pronto, viu como unha ave rapaz planeaba enriba das cabezas do grupo e non tardou o que leva pensar se lle tiraría ou non cando xa se oíu o disparo. Ademais de constituír unha infracción, aquela morte non tiña ningún obxecto. Os homes, e os cazadores tamén, non empezan a ser sensatos ata que o perden todo. ¿O día que non deixen nada a quen lle tirarán?