Os dentes

VICENTE DE LAMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

05 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

OS ALCALDES e concelleiros saben que teñen nos vellos un dos caudais más grandes de votos, deses que dan e quitan sillóns. Así é que tratan de andar dereitos con este sector de idade para non levar sorpresa na próxima cita electoral. Nos concellos hai toda clase de actividades para os maiores: ximnasia de mantenemento, talleres de memoria, alfabetización de adultos, artes nas túas mans, bailes e as comidas, que tan polémicas son cando se convocan. Os da oposición arrabean porque hai rexedores que organizan estes xantares no tempo dos comicios coa intencións de rascar algunha papeleta para a urna. Logo cando chegan ao goberno fan o mesmo. É máis, incluso non cambian os menús duns alcaldes para os outros se hai cambio. Así é que nestas grandes citas, os xubilados disfrutan e chegan á casa coas pilas ben cargadas para unhas cantas semanas. A medida que van participando nestas actividades, os vellos van collendo máis alegría. Agora xa non todos quedan na casa a espera de que algún fillo ou algún neto os saquen a cobrar a pensión e máis para pagar algún moble. Os concellos, ás veces, póñenlle coches para asistir aos actos e xa non dependen tanto da familia. A ledicia amásana tamén cando se xuntan todos para tomar o sol ou dar paseos. Antes non facían máis que traballar e agora tamén dedican tempo ao ocio. E fan moi ben. O domingo atopei un grupo perto dunha praia da Costa da Morte. Estaban falando das súas cousas e unha delas comentou que aos seus anos aínda tiña gañas de campar e non sabía se ir ao dentista para poñer os dentes ou non: «Se soubese que tardaba moitos anos en morrer poñía a dentadura, pero como non o sei, estou botando contas a ver que fago». A outra que estaba ao seu carón doulle unha boa solución: «Ponos de ouro que así os fillos xa non teñen problemas. A inversión quédalles aí».