O réxime

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

24 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

XA HAI máis de trinta anos que desapareceu Franco e outros tantos e máis dous días que El Rei exerce como tal. As televisións emiten estes días reportaxes a eito sobre o cambio de réxime da ditadura á democracia parlamentaria. As manobras de Arias Navarro para que a reforma non supuxese o abandono do franquismo e a súa substitución por Suárez, que sí promoveu o proceso constituínte. Cando o agora duque viñera anos máis tarde pola Costa da Morte, xa despois de ter deixado o Goberno, fórao a recibir moita xente polas vilas e el estaba encantado. Dicía que, se lle votasen todos os que o ían ver e aplaudir, seguro que gañaría as eleccións co CDS. Hai moita xente que xa non se lembra de cando o xeneral gobernaba o país con man dura e sen que ninguén se pasase da raia que el tiña marcada. Si hai outros que recordan moi ben aqueles anos nos que destacaba a falta de liberdade. Comentaba o outro día un carballés nun bar da vila que cando foi a mili había un capitán que se agochaba nas esquinas dos corredores e se os reclutas pasaban sen saudalo porque non o tiñan visto recibían unhas cachetadas ou o arresto correspondente. Algúns daqueles soldados van bos de espelicar patacas nas cociñas daqueles cuarteis nos que a fame se mataba con pernís e chourizos que levaban da casa. Contaban na tertulia do bar que ata tiñan que roubar uns aos outros as pezas do uniforme. A diversión máis grande era a cantina ou escribirlle ás mozas. Na Semana Santa pasaba coma no Irán. Había que adicar todo o tempo ao rezo e á reflexión. As salas de festa pechaban e as discotecas nesta bisbarra nin sequera existían. Os mozos xuntábanse nalgunha casa e facían farra. E cando non era coresma, as nais tamén vixiaban as fillas nas festas. Aínda así eran frecuentes os matrimonios de penalti. Os medios anticonceptivos era ilegais, o que facilitaba as caídas na área.