Transportes

A. MARTÍNEZ

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

16 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A XENTE fala estes días do que se fala sempre: que se vai frío, que se os euros non dan para nada, que se fulanita casou ou menganito descasou ... En fin, os temas de conversa máis socorridos. Pero ás veces a actualidade obriga aos veciños da Costa da Morte a introducir nas súas relacións sociais cuestións que para nada son cotiás, que levantan envexas, como os 45 millóns -de euros- que tocaron en Zas; que moven as conciencias, como a proposta para crear un monumento aos náufragos; que soan a algo que «nós non veremos», como a liña de metro lixeiro entre Carballo e A Coruña, e que, desde logo, sorprenden, como o proxecto dunha empresa americana para instalarse en Cerceda a cambio de condicións tan curiosas como que os traballadores se despracen en bicicleta (teñen todos os detalles na páxina 3, por certo). E, sen querelo, dúas das novas destes días fan referencia a dous medios de transporte que en calquera cidade europea son de uso común entre a poboación, pero que en zonas como a nosa, onde a rede de estradas aínda está a facerse, parecen ciencia ficción. Desde logo, o clima non axuda demasiado ao fomento do ciclismo, pero tampouco o feito de que ningún proxecto de todas as estradas que se están a construir, que non son poucas, inclúa, xa postos, un par de metros máis de expropiación para un carril bici. Tampouco hai cultura ferroviaria nunha comarca á que, agás por unha esquina do municipio da Laracha, nunca pasou o tren, na que, probablemente, moitos veciños nunca usaron ese medio de transporte e no que o único proxecto que houbo nese sentido foi a principios do século pasado, polo que ninguén se acorda del. Pero quizáis chegou o momento de rescatar, actualizado e adaptado ás necesidades de hoxe, que non son poucas, unha idea que permitiría que a Costa da Morte collese, por fin, o seu tren.