ARA SOLIS | O |
10 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.UN BARCO tivo que ser remolcado onte ata o porto de Laxe dende o cabo Vilán. Non vin o mar, pero non quero imaxinar a un mariñeiro da nosa bisbarra, ou de calquera bisbarra, sen máquina e a deriva fronte a un dos tramos máis salvaxes da nosa costa. Ás veces, entre un rescate con éxito e unha traxedia non vai máis ca o que mide o pico dunha onda. Non quero nin pensar o que lle pasou polo maxín a Amaro no momento de pedir socorro. Non é igual vivilo que contalo nun papel: o barquiño bailando e o mar, igual ca un demo ensinando os dentes, levando a embarcación dun lado para o outro sen control e sen saber se a próxima alentada vai ser enriba ou debaixo da auga. Por sorte, Amaro puido chegar ao porto de Laxe san a salvo. Se non fose polo motor que empezou a botar fume o día iríalle tranquilo, pero un nunca sabe onde ten a desgraza, como a tiveron milleiros e milleiros de homes nas costas galegas. Onte foi o 115 aniversario do naufraxio do Serpent no cabo Tosto, non moi lonxe a onde onte se lle incendiou o motor a Amaro. Non é difícil imaxinar os berros de desesperación daqueles 176 ingleses nunha noite tan fera coma do 10 de novembro do 1890. Por moi valentes que fosen, ninguén acepta ir dese xeito a unha morte segura nun inferno de ondas que voan por riba das cabezas e un barco que baila na auga coma se fose unha folla de carballo seca. Moitos deles están enterrados no Cemiterio dos Ingleses, onde moita xente, nun fermoso xesto anónimo pero sinceiro, deposita unhas pedriñas enriba dunha placa que lembra a traxedia. É xente que lle dedica un pensamento, unha oración ou un recordo a aqueles mozos que viron tronzada a súa vida nunha noite de temporal. Paréceme boa a idea de Juan Campos de erixir un gran monumento aos náufragos, algo que veña ver xente de fóra. Algo sinxelo, pero grande ao mesmo tempo. Meréceno.