Día de defuntos

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

31 oct 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

OS TANATORIOS impoñen a súa lei. Acábaronse definitivamente os velatorios nos fogares, con café e pingas de augardente que tan ben lle viñan a veladores cuaseprofesionais que adoitaban pasar gran parte da noite coas familias dos defuntos. E os laios das viúvas que se oían dende a casa dos veciños. Unhas veces eran sinceiros e sentidos e así o entendían os lugareños, pero outras daban argumentos a comentarios retranqueiros. As funerarias racharon con todo iso. A profesionalización imponse. As vestidoras e afeitadoras de mortos están a piques de xubilarse definitivamente. Os das pompas fúnebres levan os cadáveres e xa se fan cargo de todo, que para iso estas empresas teñen titulados en tanatopraxia, e incluso xestionan as indemnizacións dos seguros e fan todos os trámites administrativos. É todo máis doado e, sobre todo, un alivio para momentos de sufrimento. Aos familiares só lles quedan os choros. Xa non hai lugar a aqueles prantos desgarradores de sogras e viúvas dende as ventás das casas despedindo ao cadaleito. Todo cambia. O culto aos mortos tamén vai mudando pouco a pouco. Hoxe e máis mañán son días de visitar aos defuntiños nos cemiterios. A xente adorna as sepulturas dos parentes falecidos e adoita poñerlle flores. É unha maneira de honrar e lembrar aos antepasados. En Camelle e nalgún outro pobo da Costa da Morte a xente gran parte da noite no camposanto -anque hoxe hai Champions e non vai ser tan fácil-, que queda iluminado con velas. Contábanme hai uns días que os rusos teñen unha estraña costume. En xornadas como esta vai toda a familia para a necrópole con vodka e viandas e póñense a comer e a beber xunto do panteón do familiar. É de supoñer que se se pasan co alcohol algúns farán como na canción de Siniestro Total: Bailaré sobre tu tumba .