ARA SOLIS | O |
25 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.ONTE SEICA andivo por O Couto Ramón Villares, o que fora reitor da Universidade de Santiago de Compostela. Eu oíno na RadioVoz pola mañá. Gustoume iso que dixo de que a industria en Galicia nacera ao lombo dunha sardiña. E debe ser ben certo porque en moitas vilas mariñeiras da Costa da Morte hay moitos restos de antigas fábricas de salazón que deberon dar traballo a moita xente e desencadear unha actividade fabril complementaria. Para facer todo aquel traballo habería que construír máis embarcacións que tamén terían que contar con instrumental para as tarefas. Sen descontar, ademais, logo máis tarde, a fabricación das latas. Daquela toda actividade quedan hoxe dúas empresas que traballan neste sector e unha delas, Calvo, casualmente, é líder en España, ten unha boa cota de mercado en Italia e en Brasil o 50%, grazas á compra de Gomes da Costa. A outra está en Camariñas, Cerdeimar, coa marca conservas Boya. Son industrias que ocupan a moitas mulleres, anque na actualidade moitas delas xa non queren facer os máis duros traballos de limpeza de peixe. Por iso, estas empresas necesitan buscar fóra man de obra e así é que levan parte das instalacións para outros países, como ocorre co Salvador. Calvo ten dado moita vida a Carballo. Moita xente traballou nas instalacións da conserveira máis coñecida en todo o Estado dende que facía aqueles anuncios paveros con Jesús Puente. Nas últimas décadas as instalacións conserveiras foron mudando e as condicións laborais melloraron moito. En tempos da chegada dos cataláns non era así. Naquelas fábricas de salazón había de todo. E tamén boas esmorgas. O crego liberal Juan Antonio Pose conta nas súas memorias como se escandalizaba o párroco de Laxe polo que sucedía nas instalacións dos Domenech. Non aclaraba moito o cura, pero ben se pode imaxinar un o que sucedía.