Adolescentes

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

21 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

MÁIS DEPORTE e menos alcohol. Sería moito máis san para os mociños novos, que non teñen onde meterse. ¿A onde pode ir un adolescente de Laxe ou de Ponteceso que non haxa alcohol? Pois aos mesmos sitios ca un de Fisterra ou de Malpica. Como moito, á biblioteca, e aínda así non en todos os pobos, porque non todos a teñen. Anque un sexa amante da lectura e lle gustaría que os rapaces novos lesen moito, hai que entender que non van estar todo o día dalle que te pego aos libros. Ademais de ver algo de televisión, nas doses adecuadas, teñen que relacionarse cos da súa ideade e ter os primeiros achegamentos ao amor. A xente fala de que beben e logo destrúen papeleiras, bancos públicos, farolas e os depósitos do lixo. É ben certo que estas actitudes son condenables, pero cando hai lecer o maxín traballa e se non ten nada proveitoso en que ocuparse acaba por causar dano a calquera cousa. Os pais poden e deben facer moito e seguro que non todos se esforzan todo canto poden para que os seus fillos non anden polas rúas destruíndo o que é de todos, pero tamén as institucións públicas e, sobre todo os concellos, deberían pensar máis nos adolescentes. Habilitar centros nos que poidan estar cos ordenadores, ver películas, escoitar música e, sobre todo, desenvolver actividades que a eles lles poida interesar. O que non pode ser é que só lles quede a rúa, incluso chovendo, ou os bares e máis os pubs, onde non se privan, e iso tiñan que miralo ben as autoridades, de venderlles alcohol aínda que o teñan prohíbido. Así que a sociedade tamén ten que ir espilindo e non só botar culpa a un colectivo que non está moi ben atendido, anque tamén, e todo hai que dicilo, coma sempre, hai de todo. Sobre este tema gustoume o que dixo onte un tertuliano de RadioVoz. Iso se podía convertir nun gran lema para unha gran campaña: «Máis balón e menos botellón».