ARA SOLIS | O |
23 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A CRISIS municipal de Carballo quedou pechada. E seica non é en falso, porque os tres protagonistas do goberno local firmaron en papel con pulso firme e puño e letra un documento para que ningún edil, alcalde incluído, non se lle ocorra saír do rego. Así, seica ninguén pode meter a man no caixón do concelleiro veciño, ningún munícipe vai poder tomar decisións que lle afecten ao do despacho do lado e cada un ao seu, que a vaca vale o que vale e no que toca ao poder político cada un ten que gardar o seu, que logo pasa o que pasa. Andrade é un bo pícaro da política. Xogoulla ben xogada a todos. Púxolle aos compañeiros de goberno o corazón nun puño e aos do PP xa lle alumeaban os ollos coa esperanza de sacar ao BNG da poltrona e poñerse eles no sitio. Mentres algúns dos seus compañeiros de tripartito pasaban as noites en vela por mor da crise, seguro que algún do outro bando soñaba con firmar decretos con sorriso ancho e todo fachendoso na silla de mando municipal. Eu non quería estar no pelexo de ningún deles. Uns baixaron a orella e entraron polo aro se quixeron seguir mandando no que lles toca e os outros quedaron sen noiva coa que bailar e tiveron que abandonar o seu propósito co rabo entre as pernas. A política ten estas cousas. Nada é branco nin é negro, depende de quen o mire e aínda así un día diranche unha cousa e ao seguinte xa será outra distinta. Cando un fala de ir, logo ven e se chega xa non está porque xa ten que estar noutro sitio. O caso é ter bos amigos en todas as portas e ter onde petar. Malo será que algunha non abra e, aínda así, hai que mirar moi ben se convén entrar ou non. Xa se sabe que Deus é bo, pero o diaño tampouco é malo e o caso é non estar a mal cos dos dous a un tempo. E os pactos deberianse escribir en papel de lixa, por se acaso a alguén se lle ocorre, xa me entenden.