ARA SOLIS | O |
08 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O CABO Tosto a piques estivo de ser de novo escenario dunha traxedia. Un iate de luxo alemán acabou co seu casco nos pañascos da punta do Boi, onde fai máis dun século faleceron 171 británicos a causa do naufraxio do Serpent . Nin o XPS nin a alta tecnoloxía da embarcación evitaron o accidente. Sobre naufraxios escribiu un que fora porteiro do Deportivo e do Celta que viñera pola Costa da Morte cun documental de televisión e cunha manchea de libros. Debía escribir como quen debulla grans de millo porque presentaba unha obra tras outra. Lembro agora a Ramón Allege porque andaba dicindo que a lenda negra da Costa da Morte era certa. Que ten habido raspiñeiros que espoliaban os barcos que naufragaban no noso litoral. Máis de un alporizábase ao escoitar tales cousas. Onte, xente que andaba nas voltas do iate varado entrou a saco a bordo e levou todo o que puido. As vellas historias de piratas e rateiros da costa viñeron de pronto á mente de moita xente e convenceron a máis de un daqueles escépticos que discutían con aquel ex porteiro de fútbol que chegou a telas moi tesas no campo con Alfredo di Estéfano e máis no xulgado co autor doutros libros de naufraxios por non sei que dereitos de autor.