O EXILIO NA COSTA DA MORTE | O |
18 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.NO PESQUEIRO As , un barco sardiñeiro da conserveira Sel, de Muros, que foi abordado e secuestrado preto das Illas Lobeiras por un fato de escapados do Monte do Pindo, entre os que se atopaban Miguel Ferrer Gándara, Joaquín e Manuel Rodríguez Louro, Constante Pais, Manuel Pinelo López, un tal Alfredo e outro mais chamado Luis de Manuela da Canteira, estes dous últimos veciños do Pindo, ata un total en torno á ducia de individuos, lograron arribar a terras inglesas. Despois entraron na España republicana e loitaron contra os franquistas ata a desfeita final, refuxiándose os que lograron sobrevivir na fraticida contenda durante os primeiros meses de 1939 nos campos de concentración franceses. Miguel Ferrer Gándara, veciño do Ézaro-Dumbría, viaxou o 4 de agosto de 1939 desde o porto francés de Trompeloup, en Burdeos, no famoso buque Winnipeg para exilarse en Chile, viaxe organizada grazas aos bos oficios do poeta Pablo Neruda, país onde casou e deixou dous fillos, falecendo anos despois a consecuencia dun infarto no estadio de fútbol de Valparaíso mentres presenciaba un partido de fútbol da Unión Española, o seu equipo favorito. Manuel Rodríguez Louro, que naceu en 1916 tamén no Ézaro-Dumbría, morreu no campo de concentración nazi de Mauthausen-Austria o día 16 de setembro de 1941, despois de pasar polos Batallóns de Traballadores Extranxeiros do exército francés e ser detido polos alemáns. Joaquín Rodríguez, o irmán do anterior, logrou embarcar no Winnipeg para exilarse en Chile e Manuel Pinelo López, natural e veciño do Pindo, tamén estaba en agosto de 1939 no campo de rexugiados de Agde (Herault) en Francia. Por outra banda, Silvestre Albite Miranda, nado o 5 de setembro de 1912 en Olveira-Dumbría, foi compoñente do batallón das Milicias Populares Galegas, do Exército republicán durante a guerra civil, exilándose tamén en Francia coa derrota, encerrado máis tarde -o 3 de abril de 1941- no campo de concentración de Mauthausen co número 3.779. Silvestre faleceu no comando de Gusen o 9 de novembro do ano no que ingresara. Outros casos Daniel Fidalgo Antelo, que naceu o 21 de marzo de 1.913 en Castrarón-Mazaricos, foi ingresado así mesmo en Mauthausen o 27 de xaneiro de 1941 procedente do campo de concentración de Angoulême-Francia, falecendo o 3 de febreiro de 1942 tamén no comando Gusen. Outro caso dun orixinario de Dumbría, foi o de Manuel Piñeiro Agulleiro, que naceu en Alvarellos o 26 de decembro de 1905. Coa profesión de xornaleiro, estaba solteiro no 1936. No mes de outubro de dito ano estaba aveciñado en Barcelona, aprobando as probas de ingreso no Corpo dos Guardias de Asalto, tomando posesión da súa praza en Madrid o 6 de outubro do mesmo ano, na 12ª Compañía de Asalto de Reserva, pasando posteriormente á 26ª Compañía de Asalto no mes de novembro de 1937, con destino en Valencia. No mes de abril de 1938 foi trasladado a Barcelona, á 5ª Compañía do 40º Grupo de Asalto. Estivo tamén no 22 Grupo de Asalto. Coa derrota refuxiouse en Francia, ingresando despois, cando os alemáns a invadiron, nos batallóns de extranxeiros. Detido polos nazis, Piñeiro ingresou no campo de Mauthausen o 14 de xunio de 1941 procedente de Francia, e morreu o 16 de febreiro de 1942.