Intercambios

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

22 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTA FIN de semana hai casamento internacional en Muxía. Unha moza da localidade casa con un holandés. Estas unións son enriquecedoras. Dicían pola vila da Barca que estes días os bares tiñan moitos problemas para abastecer de cervexas aos invitados que se foron adiantando. Aquí non se bebe tanta cervexa, aínda que coñecín a un vello que era capaz de tragar o contido dunha caixa de Estrella Galicia nunha noite. Ía arrimando as botellas a un lado da barra para poder contalas e que a taberneira non lle cobrase de máis. No canto aos matrimonios entre xentes naturais de distintos países, sempre me chamaron a atención. Contaba o outro día un veciño que unha bergantiñá casara cun italiano. O home era moi pavero, pero non lle gustaba nada traballar e tiña unha tendencia natural á boa mesa. Era habitual velo rodeado de xente que escoitaba os seus contos. Ás veces, a súa muller racionaballe a comida. Para salvar estas situacións desesperadas o que facía era asfixiar algunha galiña, que a esposa tiraba na eira pensando que morrera de enfermidade. Sempre convencía á súa dona de que a guisara para el e acababa papándoa enteira e con gran pracer mentres era imprecado de vinte mil maneiras e tildado de cocho.