ARA SOLIS | O |
13 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.EN 1462, trinta anos antes de que Colón descubrira América, xa un tal Sebaldo Rieter chegou a Fisterra en cabalo. Tres anos despois o nobre León de Rosmithal viaxou dende Praga ata a mesma ermita de San Guillerme. Aínda non se sabía nada do novo continente e Fisterra seguía sendo lugar de peregrinaxe. E segue sendoo. Non hai máis que achegarse polo cabo para comprobar a atracción que este punto xeográfico desperta cada día en centos de persoas chegadas dende os lugares máis insospeitados. Uns van andando, outros en bicicleta, hai quen peregrina ao lombo dun cabalo, en auto e, moitos, no autobús, en Arriva, que non sei por que lle cambiaron o nome a empresa, co bonito que era: Transportes Finisterre. Non sei quen lle puxo esta marca a unha empresa de viaxeiros, pero atinou de pleno. A corporación fisterrá, que ás veces anda teimando co Fisterra-Finisterre, debería de facer unha proposta ao novo comprador da compañía para que lle volva a poñer o nome que tiña Transportes Finisterre, ou Fisterra, que é o normativo. Outro nome que se perdeu foi o de Empresa Celta, que facía a rota Muxía-Negreira-Santiago. Puxéronlle un nome estranxeiro. Non me estraña que teñan perdas.