«A meirande parte das veces, non saben onde está Galicia»

C. Souto / M. Goás CARBALLO

CARBALLO

Entrevista | Mercedes Peón Mercedes Peón presenta en Carballo o seu último traballo «Ajrú», nun concerto baseado na súa experiencia persoal e en historias femininas.

07 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Mercedes Peón actuará esta noite na Praza do Concello de Carballo nun concerto que está dentro do programa As nosas músicas de Caixa Galicia, que percorrerá este verán o territorio gallego. ­-Mercedes presenta o seu novo disco «Ajrú», ¿qué significa ? -Ajrú é un berro totalmente bergantiñán, que significa aturuxo. Para min é o berro da miña alma e do meu propio ser máis sinceiro, aínda que ten sabor á nosa tradición. -¿Cómo vai ser o espectáculo deste ano? -Os meus espectáculos son temáticos. Issué , o meu anterior traballo, tiña moito de feminino, pero contaba máis cousas, pero «Ajrú» case está baseado todo en historias de mulleres e en cousas que me pasaron a mín. A posta en escea é un pouco máis electrónica, non hai tanta enerxía vocal de coros, pero as melodías son moito máis compricadas, e logo, é moi rítmico. Hai que velo. -A súa música une a tradición cun toque persoal -Eu creo que é ao revés, eu fago cancións e a tradición é unha cor máis. Eu son libre como o vento, non sou de escolas, por iso chama tanto a atención a miña música fóra. Escollo un tema, como agora, que estou traballando nunha canción cun escrito que me chegou sobre unha nena maltratada, e isto non ten nada que ver coa tradición, ten que ver coa realidade concreta. O que acontece é que pode que lle meta uns coros máis tradicionais, porque a min encántanme a manera de cantar dos nosos, que grazas a Deus xa forma parte de min. -Vostede leva a súa música por todo o mundo. ¿Cómo se ve Galicia dende fóra? -A meirande parte das veces non saben onde está Galicia, a min lévanme como bicho exótico. Eu cando me preguntan digo que Galicia está no fin da terra, vas por Europa todo polo Norte, onde te caes do mapa, alí estamos nós. Eu embaixadora... será moita responsabilidade... encantaríame, se o vedes así, asúmoo, pero eu represéntome a min mesma e así son libre de expresarme como quero. -Vostde compón, tocas... ¿isto é algo compricado? -A min é que me gusta. Os músicos en xeral somos moi ciumentos da nosa música. Non controlar a produción quere dicir que veña unha persoa que colla a túa música e que empece a meter cousas que xa non son miñas. Fai moitos anos, Manu Chao ofreceuse a producila miña música e eu díxenlle que non, porque a súa e a miña son distintas.