ARA SOLIS | O |
16 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.CADA VEZ hai máis nudismo nas nosas praias. Hai arenais na Costa da Morte onde chega xente dos máis diversos lugares para expor ao aire libre os seus corpos. É unha maneira de sentirse máis libre. Xa non pasa o que ten pasado hai unhas décadas, cando un crego e máis os veciños dunha aldea correron a paus aos que toman o sol sen roupa ningunha. A xente xa non lle dá tanta importancia a estas cousas e cada un é máis libre para facer o que lle pete. Pero non todo o mundo acepta de primeiras que unha persoa ande espida de pé e perna pola praia adiante. Sobre todo, os maiores. Algúns xubilado que se convenceu de que a vida non é só tripar terróns e empeza a asomar a algún dos nosos arenais queda coa boca aberta cando ve un home ou unha muller sen nada enriba. O primeiro que fai e botar cruces. Logo, se ten confianza cos que están ao seu carón, fai algún comentario irreproducible. Máis adiante ven a chanza e o chiste, algún ben ocorrente. Un destes días de atrás de sol, unha parella paseaba espida por un dos nosos areais. Un vello observounos longo tempo e, despois de darlle moitas voltas, achegouse ao varón e díxolle con moita educación: «Non debes presumir tanto, porque eu teño un coma ese e máis xa non fai moitos milagres».