Neira Vilas

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

03 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O PRIMEIRO libro que lin en galego, e creo que case o primeiro da miña vida, foi Memorias dun neno labrego , de Xosé Neira Vilas. Máis que lelo, líanolo a nosa profesora, mentres que os nenos da escola, pequerrechos de catro ou cinco anos, intentabamos debuxar, uns con máis xeito ca outros, o que ela contaba. Caeume ben o neno Basilio e o seu can Pachín, ese cadelo que nunca acadei a pintar como eu imaxinaba. Confeso que cos anos esquecín a Basilio e ao seu compañeiro, ata que, coincidindo coa Festa das Letras que cada ano organiza a Asociación Monte Branco do Couto, tiven a oportunidade de escoitar a conferencia de Neira Vilas. Foi entón cando os recordos chegaron a galope, un detrás doutros, sen poder paralos. Confeso tamén que unha súpeta vergoña impediume mostrar un entusiasmo que, segundo o oía falar, ía converténdose nunha histeria moi parecida á que hoxe en día deben de sentir as nenas cando ven a Andy e Lucas. Máis tarde, pensando na situación ridícula que estiven a punto de provocar, dinme conta de que a miña emoción non era tanto polo escritor -que tamén- como por recordar a aquela mestra que me descubriu que nos libros había algo máxico. Máis que en Andy e Lucas. Sen dúbida.