ARA SOLIS | O |
23 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.TRES XOVES hai no ano que relumbran máis que o sol: Xoves Santo, Corpus Christi e o día da Ascensión. Nos meus tempos de estudante en Santiago, tiña eu unha amiga que lle facía moita graza o xeito que eu tiña de relacionar o calendario escolar coas festas estivais, pois os exames definitivos cadraban sempre por estas datas. Os exames finais de xuño, con San Adrián de Toba e o San Antonio de Agualada; a selectividade, que cadrou un día de calor horrible, co San Xoán de Carballo, e as recuperacións de setembro, coa Barca de Muxía. A miña maior preocupación era que as celebracións es as probas académicas non cadrasen o mesmo día, pois para min a festa era sagrada e ao examen tampouco podía faltar. Estaba ofrecida. Algo tería que ver que a miña chegada ao mundo se producira xusto no día no que na casa da miña avoa había unha rebumbiada de festa e as miñas tías se preparaban para ir aos bailes de San Mateo. As festas, hoxe, perderon todo o seu sabor e son case unha obriga. Por máis que os concellos se maten traendo as orquestras máis caras, as atraccións máis tolas, nada. Os campos dos bailes, noutros tempos lugar de encontro de mozos e mozas, hoxe están baleiros. Os únicos que gardan a ilusión son os avós, que acoden, ben cedo, ás misas e compran as roscas, e máis os nenos pequenos, que queren ir nas lanchiñas tan alto que cheguen ao ceo. De nada vale tanto carto tirado en músicos e fogueteiros se non se respira no aire o espíritu festeiro.