Os mellores artigos normalizadores reciben os seus premios en Carballo

La Voz LA VOZ | CARBALLO

CARBALLO

Hoxe celébrase o acto de entrega do Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2005. No auditorio do Pazo da Cultura estarán, ás 20.30 horas, os gañadores desta primeira edición, Olga Patiño Abeixón e Xurxo Fernández Carballido. Tamén asistirán o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Normalización Lingüística, Belén Lendoiro, e os membros do xurado: Xosé Ramón Freixeiro Mato, Mercedes Queixas Zas e Xabier Cid Fernández. O segundo premio correspondeu ao artigo A lingua galega na boca dos novos galegos , polo que o seu autor recibirá 150 euros en metálico e a oportunidade de ver publicado o seu traballo o vindeiro sábado, día 21, na edición de Bergantiños de La Voz de Galicia, no Diario de Bergantiños e en Galicia Hoxe. Xurxo Fernández, lingüista, lector de galego na Universität Tübingen de Alemaña e redactor do Diario de Sesións do Parlamento de Galicia, aborda no seu artigo a promoción da lingua na sociedade actual e en conflito co fenómeno migratorio. A gañadora, que recibirá 500 euros en metálico, tamén verá publicado o seu traballo, Avó, avó! Mira o arco da vella , o domingo 22 nos mesmos xornais. Olga Patiño, lingüista, animadora sociocultural e socia da cooperativa Tagen Ata de Lingua e Comunicación, analiza a transmisión familiar da lingua e anima a educar aos nenos en galego. O programa do acto, que será aberto a todas as persoas interesadas, tamén inclúe a conferencia A lingua galega nos medios de comunicación , a cargo de Anxo M. Lorenzo, profesor da Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, director da área de normalización lingüística da mesma institución e director dun informe do mesmo título da charla que forma parte dun proxecto promovido polo Consello da Cultura Galega.