Pedras

ANTONIO DÍAZ AMOR

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

30 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ALGO PRINCIPIA a cheirar neste Fin da Terra. Cheira a chapapote para parchear as fochas das estradas, cheira a puntos de luz en corredoiras esquecidas durante case catro anos, cheira a comidas para a terceira idade, cheira a promesas... cheira a eleccións. Antes inaugurábanse pantanos e agora colócanse primeiras pedras (pode que antes das seguintes eleccións coloquen as segundas); pedras novas porque o que son as vellas (das que na nosa bisbarra temos un catálogo digno da mellor das envexas)... esas nin lembralas. Como moito as cubren cunha especie de xigantesco condón negro para tapalas e que non se vexa o mal estado no que están debido á desidia e incompetencia dalgúns para os que a nosa historia -nin a mais próxima nin a mais remota- non é bo lugar para pescar votos. Fai catro anos prometéronos o tan necesario Parque do Megalitismo da Costa da Morte (necesario a nivel histórico e tamén a nivel económico-cultural: non todo vai ser turismo de percebe, nécora ou aquapark) e aínda estamos esperando a que veñan poñer a primeira pedra... Pois que veñan poñer outra cousa, que pedras xa temos... esquecidas e abandonadas... pero moi boas ¡Pagaría a pena que cada tres meses houbese votacións!