ARA SOLIS | O |
18 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.ESCUSAMOS DE nos queixar e de levar as mans á cabeza, pois xa de todos é sabido que en abril o tempo anda saído. Augas mil e o que non choveu en todo o inverno cae agora. A natureza, tan sabia, dedícase a regar as hortas, a enchoupar os prados e os montes polo medo ao lume, e dá gusto velos diferentes, as mil tonalidades de verde, o recendo a fresco que hai despois dunha chuvieira. Se queremos vivir rodeados dunha paisaxe fresca xa se sabe que de vez en cando temos que sufrir algún que outro chaparrón. O refraneiro popular que nos deixaron os nosos antergos, que sen ir á universidade e sen libros nin mestres, atesouraban unha grande sabedoría, sen máis que a observación e a intelixencia forxada pola necesidade de supervivencia, xa eran quen de predecir os cambios das estacións e do tempo, reflectilo na linguaxe oral e transmitilo de pais a fillos ata os nosos días, e todo sen ordenador nin e-mails . Sendo como é este mes, mes de sembra, aínda que non guste a choiva, fai falta unha auguiña -«chova en abril e maio e non chova en todo o ano»- para o trigo, as patacas, as cenorias e as cebolas que con tanto traballo e agarimo aínda se plantan en moitas hortas e tanto gusto dá recoller. «En abril e maio fai fariña para todo o ano».