Entrevista | Darío Areas Domínguez As case que 1.200 cunchas que almacena a sala están xa clasificadas e quedan pendentes o arquivo, a biblioteca e parte de belas artes
29 mar 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Desde que abriu as súas portas no ano 2001, a sala Fernando Blanco de Cee converteuse no único museo científico da Costa da Morte. Nel pódese ver todo tipo de material de laboratorio empregado a finais do século XIX, pero tamén obras de arte, como os lenzos de Madrazo situados na planta baixa, instrumentos musicais, roupas eclesiásticas e material litúrxico. Unhas das alfaias da colección é un teléfono, un Ericsson. Foi o primeiro que funcionou una vila. Darío Areas é o responsable de que o museo funcione, de guiar ás visitas e de catalogar un patrimonio, o da Fundación Fernando Blanco, que conta por miles as pezas que atesoura. -¿Cómo se porta o público co museo? -Desde que abriu pasaron xa por aquí cerca de 14.000 persoas, e iso que nos anos 2001 e 2002 non estivo aberto en verán, que é cando máis xente pasa. De modo continuado, só está aberto desde xaneiro do 2003. -¿Cal é o perfil do visitante? -Veñen moitos colexios de Cee e tamén de localidades próximas, como Dumbría, pero tamén xente que pasa por diante. A exposición que hai agora é a mesma de hai catro anos, e tal vez por iso moitos non repiten. -¿Cal é o principal reto ao que se enfronta o museo? -O primeiro é garantir a súa pervivencia. Unha vez logrado iso, a prioridade principal é ter todo ben catalogado. -¿En que estado está ese proceso? -O gabinete de física e química xa está totalmente catalogado (hai cerca de 200 instrumentos), son pezas, a maioría, do 1891. Tamén está listo en parte o gabinete de historia natural: 92 animais desecados (de un total de 400) xa están identificados, e o mesmo as cunchas de moluscos, que suman 1.107. -¿Que queda por facer? -Quedan por ordear os herbarios (unhas mil follas), os minerais (uns 400), e tamén a biblioteca (1.400 volumes), os milleiros de follas do arquivo, e tamén a parte de belas artes. -¿E como andan vostedes de financiación para toda esta gran sala? -A Xunta bótanos unha man. O ano pasado déronnos para material 9.000 euros, e este ano 4.000 e un armario compacto para gardar as pezas que non se expoñen. Coa Deputación é distinto. Se o mantemento do museo custa 30.000 euros ao ano, este ano déronnos só unha axuda de 600 euros.