O CARTAFOL | O |
29 mar 2005 . Actualizado a las 07:00 h.HAI QUE sacar o esterco, que xa logo chega ás vigas e as vacas non se remexen. Si, hai que chamar a Ramón, que disque ten problemas nas súas partes, pero moi grave non debe ser, pois casou cunha boa moza e é moi macho, velo aí tes, con oito fillos e todos sans. Pero xa se sabe, os anos non pasan en balde. Cando chega, o primeiro que di é que alí está el, que non hai esterco que se lle resista e exclama: «Ai, miña perniña!», sen sabermos moi ben o que quere dicir con esa expresión. Será un falar. Veña, rancos, e chotas grandes, que aquí hai homes e non galiñas. Dío así sen ánimo de molestar a ninguén, pois non é nada machista e é moi respectuoso con todo o mundo. Hai que ver ao padriño, parece un mozo, dálle a volta á chota como se fose unha galletada de toxo seco, ou de herba, ou de palla. E de palla nada, o esterco está cheo de xurro, claro, como as vacas beben baldes de auga cheos tres veces ao día, están sempre evacuando. Ademais, debe estar atascado o desaugadoiro. Era ben mellor, digo eu, abrir un portal grande aí na parede. Cantos traballos non aforraría! Déixanos ir tirando así, meu fillo, non vaia ser que caia a casa. Aínda que as paredes son moi anchas, non se pode confiar nesas pedras postas unhas enriba das outras só con barro. Esta casa debe ter xa douscentos anos ou máis. Arrastramos o esterco desde o curruncho da corte, dándolle voltas e voltas, e a chota vaise facendo máis grande porque o esterco vaise pegando como unha bóla de neve, hai que subila pola rampla, pasala polo corredor e sacala pola porta da eira. Alí dous homes, non haberá outra cousa, pero sobra xente para traballar, traballan polo caldo, cárgano no carro coas forquitas e outro ponse enriba para ilo poñendo ben postiño, como se pon o toxo no monte ou a herba no herbal, se non se fan os feixes, pois é moito traballo carrexalos ao lombo, os vellos din que quedaron sen pelo por culpa diso e mais por subir o millo ao hórreo cos cestos enriba da cabeza. Hai que traballar como escravos, aínda que algo melloramos, moi pouco. Antes era peor, cando se segaba a herba ao gadaño, agora xa temos gadaña, aínda que se estraga moito porque bate cos xeixos. Esta marca que teño nos dedos fíxena ao cortarme coa punta do gavillo, e nin sequera fun ao médico, púxenlle un trapo e xa está.