As defensas da Costa da Morte

Pilar Prego Lamas CARBALLO

CARBALLO

CASAL

Reportaxe | Patrimonio histórico-artístico As Torres de Mens, en Malpica, e o castelo de Vimianzo son dous exemplos da evolución das antigas fortalezas que cobixaban aos señores feudais

19 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A presenza do poder feudal segue a latexar nas comarcas de Bergantiños e Soneira ao través dos vestixios medievais das súas fortalezas e torres. O que agora son aldeas encravadas en lugares privilexiados, e tamén esquecidos, nos séculos XV e XVI conformaban núcleos estratéxicos onde os señores da fidalguía galega exercían con man de ferro o seu poderío. O tempo, capaz de borrar os episodios máis tráxicos da historia, non foi quen de derrubar os ciclópeos cimentos que sustentan estas moles de pedra, que parecen máis unha obra da natureza que do esforzo humano. Así, tal gardiáns do pasado, elévanse auténticas torres e fortificacións en terras de Mens, Vimianzo ou Coristanco. A situación dos castelos e torres non é casual, senón que cumpren un papel de vixía e control estratéxico das terras pertencentes á xurisdición do señor. A súa estética defensiva cumpre unha función clave nunha época na que as tensións polo poder da terra eran cotiás. Así, importantes familias como os Moscoso, os Bermúdez de Castro ou os Rioboo exerceron o seu poder nas terras de Bergantiños e arredores. A importancia da supervivencia destas edificacións é fácil de entender logo de botar unha ollada á historia, chea de loitas e levantamentos populares coma as Revoltas Irmandiñas, capítulo clave da historia de Galicia, e nas que, baixo o grito de «¡Abajo las fortalezas!», campesiños e pequenos burgueses derrubaron a maior parte destas edificacións. Moitas outras que sobreviviron a este tráxico episodio sucumbiron ante a modernidade e o abandono. Estas construccións son macizas, sobrias e, polo xeral, de pequenas dimensións. Nelas residían os membros da familia e os seus vasalos, tratando de defender as súas posesións e exercendo o seu dominio sobre os campesiños que traballaban as súas terras. Moitos pazos teñen a súa orixe nestas torres, que, dulcificando o seu carácter defensivo, deron lugar a un dos elementos máis emblemáticos da arquitectura galega. Rehabilitación Na parroquia de Santiago de Mens, pertencente ao Concello de Malpica, álzanse na paisaxe tres torres construídas con macizas pedras ben escuadradas, en contraposición cos muros de mampostería (pedra irregular) que pechan o recinto elíptico. Esta fortificación ten a súa orixe no século XIV, pero, logo de sufrir a ofensiva irmandiña e quedar fortemente danada, foi reconstruída de novo. As coñecidas como torres de Mens eran unha máis das fortalezas da familia dos Moscoso, condes de Altamira, que exerceron o seu poder nas terras de Bergantiños. Un dos capítulos relevantes da historia deste castelo é a estancia do arcebispo compostelán Alonso de Fonseca II, que fora secuestrado e levado preso ao castelo de Vimianzo. As lendas tamén roldan arredor dos muros desta soberbia construcción contando a existencia dun pasadizo segredo entre a fortaleza e a igrexa, situada a poucos metros, na que finaron un dos señores e a moza que raptara, filla dun vasalo, a consecuencia do lume provocado polos campesiños. Din que a proba da existencia deste túnel é un trigal de espigas amarelas que marcan o curso do antigo pasadizo subterráneo. A rehabilitación deste conxunto defensivo, hoxe convertido en vivenda, foi levado a cabo na década dos oitenta polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto. Evolución Tamén coñecido nalgunha época como as torres de Martelo, o castelo de Vimianzo emerxe como un dos conxuntos defensivos máis antigos na súa orixe, marcando a construcción da primitiva fortaleza a finais do século XII. Desta tan só quedan como vestixio os cimentos da torre da homenaxe, aínda visible no actual patio de armas. Os donos desta primitiva torre eran os Mariño. Chegado o século XV, a dinastía dos Moscoso faise co dominio desta pequena torre converténdoa nun auténtico castelo medieval, coas súas catro torres situadas case en cada punto cardinal. Esta fortaleza volve a ser un símbolo do poderío desta familia, que era unha das máis poderosas e influíntes do reino de Galicia. O recinto debuxa un perímetro irregular rodeado por un foxo como un dos elementos defensivos máis habituais no medievo, igual que as ameas. O castelo tamén sufriu as iras dos irmandiños, que en 1468 derrubaron o símbolo do poder que os oprimía. Unha vez volta a tranquilidade, a reconstrución virá da man do arcebispo Fonseca, coas características esenciais que podemos ver na actualidade. Logo das restauracións promovidas nos últimos tempos pola Deputación da Coruña, o castelo de Vimianzo recuperou a vida, agora destinada a albergar acontecementos de índole cultural. No mesmo concello vimiancés atopamos as maxestuosas Torres de Cereixo, do século XVI, restauradas e mantidas nun bo estado de conservación. Xa entrando no capítulo da Idade Moderna, a partir do século XVI tamén temos vestixios de torres que aínda beben do influxo medieval. Este é o caso da de Nogueira, situada en San Mamede de Seavia, no concello de Coristanco. Cunha estética aínda defensiva e medieval érguese esta torre e unha construcción pegada a ela. Esta edificación ten proxectado restaurarse e rehabilitarse a través da Deputación da Coruña. Outros exemplos de torres que irrompen na paisaxe cheas de historias de fidalgos e campesiños son as da Penela en Cabana ou as torres do Allo en Zas, este último como exemplo da evolución da torre defensiva ao pazo, como vivenda característica das familias fidalgas, pero esta xa é outra historia.