O sorriso de Europa

XURXO BORRAZÁS

CARBALLO

TRIBUNA ABIERTA | O |

10 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

DESDE CATIVO admirei a Johan Cruyff, o xenio da Laranxa Mecánica, o Dream Team e o fútbol total. Agora, desde os paneis publicitarios e as pantallas de televisión, o ídolo que eu coleccionaba en cromos pídeme o voto para a constitución europea. Seguramente de boa fe, sen ler o texto polo miúdo... porque este texto, que é en realidade un xesto, que se autoproclama constitucional e ao contrario cás constitucións nace na escuridade e imposto desde arriba, era ata hai uns días tan invisible como as publicacións e os manifestos dos que a el se opoñen. En España o adaíl do talante, o cabaleiro dos ollos azuis, cárganos co oprobio e o fastío de volver ser nós «os do non», os do illamento (parvo non é), por medio dunha campaña na que equipara a Europa coa Unión dos mercaderes, e na que el mesmo, casado cunha mestra de música, adoutrínanos cun chundachunda tipo Luis Cobos ¿por aforrarnos a sinfonía ou porque non hai tal? Segundo esa campaña, votar «non» é ir contra Mozart e Leonardo da Vinci, contra os tulipáns de Holanda e a Sereíña de Copenhague, contra as góndolas de Venecia, a saia escocesa, o chocolate suízo, o vals, o Danubio, os cafés de París e a Atenas de Pericles. Votar «non» é opoñerse á liberdade de expresión, a sanidade pública, as vacacións pagadas, os bos modais ou as viaxes do Imserso: todo o que conqueriron os homes e mulleres que no seu tempo se opuxeron ao estado de cousas. Votar «non» é mesmo opoñerse á paz, cando o tratado legaliza as guerras preventivas. A constitución europea é un cruce de acta para lexitimar e blindar pasos dados polas institucións comunitarias de costas á cidadanía, por non dicir antidemocraticamente... e en boa medida é tamén un catálogo de restriccións. Os seus artigos son muros da fortaleza para defenderse dos irmandiños, a chusma indigna. Xa non das rebelións, senón da mera inestabilidade: traballadores que defendan os seus dereitos, inmigrantes, nazóns sen estado, control das plusvalías, sectores productivos non tutelados e en xeral as minorías -lingüísticas, ecoloxistas, feministas, laicistas, pacifistas. A Unión Europea é a apisonadora que, para facer unha estrada que seica despois ha dar bo servizo, esmáganos a casa e subvenciónanos o crédito para adquirir unha tenda de campaña. Como o PP facía leis-traxe en función dos avatares políticos, a UE fixo o seu traxe á medida do gran capital ao que representa desde que naceu. Agora ben, se nos van dar pola retagarda, doe menos co sorriso de ZP (vía referendo profiláctico) que coa tiña rabiosa de Aznar. «Non» afirmativo A Constitución é o sorriso da Europa dos mercaderes, a macabra sinfonía que nin o chundachunda da propaganda nin o mostacho de Luis Cobos dan tapado. Por iso cando voto «non», voto ben forte, o meu «non» é afirmativo. Non á cidadanía triste e esmagada polos banqueiros. Si a unha Europa na que os pobos e as persoas se sintan cómodas, irmanadas e non recelosas. Forte polos mariñeiros da Costa da Morte, pola xuventude de Carballo, polas nosas praias e prados, polo millo e as patacas, polas feiras, polas tendas, polos bares, polas prazas, polas vacas, polo orgullo gaiteiro. Queren dividirnos, a nós e a Cruyff. Dirán que se trunfa o «non», o Deportivo acompañará ao Celta na segunda. Que sen Europa, adeus á Champions League e bla, bla, bla... Johan, meu, ¿como podes ti defender isto?