De Brandomil a Mauthausen

EVARISTO DOMÍNGUEZ RIAL XOSÉ Mº. LEMA SUÁREZ

CARBALLO

TRIBUNA ABERTA | O |

05 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

NESTES días nos que se está a falar do 60 aniversario da liberación do campo de exterminio nazi de Auschwitz, vennos á mente que persoas da nosa terra tamén se viron afectadas pola barbarie nazi. O que vai de contado é un bo exemplo desta afirmación. Nas investigacións que levamos a cabo conxuntamente sobre o Concello de Zas, hai xa algúns anos, atopámonos cunha biografía que ben podería estar de actualidade polos feitos que se conmemoran estes días. Poidera parecer que o nazismo pouco ou nada tivo que ver coa Costa da Morte, pero se se busca un pouco na historia veremos que non é así. A información que segue foi facilitada por un fillo do protagonista desta historia que, residente na parroquia de Brandomil, colaborou con nós moi amablemente, facilitándonos ademais dous documentos, en francés e español (unha attestation procedente de Le Chef du Bureau des Déporté e Status Divers, e un certificado do Servicio de Estadísticas y Ficheros de la Federación Española de Deportados e Internados Políticos, firmada en París o 28 de febreiro de 1985). Biografía Valentín Ramos González naceu en Brandomil, na casa de Ramos, no mes de maio de 1899 ou de 1900. Casou o 27 de abril de 1927. Residía en Madrid cando estalou a guerra civil e loitou no bando republicano. Cando remata a guerra, coa derrota da República, foxe a Francia para evitar a represión que se aveciña. As súas desventuras continúan no país veciño, pois de contado vai estalar a Segunda Guerra Mundial, que trae como consecuencia a ocupación do territorio francés polas tropas alemanas. Como outros moitos republicanos españois, tomou parte activa na segunda grande guerra facéndolle fronte ás tropas de Hitler ao lado da resistencia francesa, pero moi axiña, xa en xuño de 1940, foi feito prisioneiro de guerra na localidade de Epinal (nos Vosgos, ao noroeste de Francia, non lonxe da fronteira alemá, polo que é de supoñer que estaría na primeira liña de fogo) e trasladado máis tarde polos nazis, o 25 de xaneiro de 1941, ao tristemente famoso campo de concentración de Mauthausen (Austria), onde morre o 9 de septembro do mesmo ano, quen sabe de que xeito e despois de que sufrimentos e torturas.