Serpes e lagartos

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

14 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

SEICA ANDAN por Bergantiños con un espectáculo de cobras e lagartos. Son cousas que non serven para todos. Hai xente á que mentarlle un réptil é como propoñerlle baixar ás caldeiras do inferno. Cando era neno, foi sonado o caso dunha moza que estivo toda unha tarde enriba dunha capa dun cabazo porque se topara cunha serpe que horas antes matara o seu pai cun sacho. Logo había a outra vertente, pois, mesmo de rapaces, era unha horoicidade quitarlle a vida a pedradas a calquera ofidio ousado. Daquela ninguén che falaba da defensa dos animais, aínda que algúns, hai que confesalo, non deixabamos de ter lástima do animaliño. Había de todo, pero tenme contado meu pai que, nos primeiros anos do franquismo, un pándego da nosa bisbarra colocou un anuncio nun lugar público no que decía que se mercaban lagartos, a peseta a unidade. Os exemplares eran para mandar en conserva non sei para que lugar, donde, segundo o pequeno cartel, constituían un auténtico manxar. Todos os rapaces da vila puxéronse a xuntar réptiles co ánimo de faceren unha fortuna. Non quedou pedra nin valado sen mirar. Algún ata chegou a latar da escola, non sen recibir a merecida tunda do mestre, un rexo individuo de vara de vimbio en man, remedio que aplicaba sen compaixón cada vez que un alumno non sabía a táboa de multiplicar, os partidos xudiciais ou os misterios da santísima trinidade. A caza tivo éxito. Algúns chegaran a facer sociedades para sacar máis avantaxe. Outros ían todos fachendosos coas súas caixas e xa non lembraban las zorregadas da mañá. O peor foi que ningún exemplar servira, porque, segundo o comprador, ningún lagarto tiña unha mancha branca no lombo, condición indispensable para feirar.