Lonxe de Montevideo

XOSÉ MARÍA LEMA SUÁREZ

CARBALLO

08 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

AO TEMPO que esmorecía o 2004, na noite de san Silvestre, e sen agardar o alborexar do primeiro día do ano novo, fóisenos o tío Jesús, pai de Manuel Suárez Suárez (colaborador este de La Voz e autor de libros como Memorias riopratenses) . Jesús Suárez García, nacera en Santa Baia de Tines (Vimianzo), na cas' do Rei (tal é o sobrenome familiar); aprendera o oficio de ferreiro e, como tantos outros, en 1955 embarcara rumbo ao Uruguai, reclamado polo seu compadre Ramón de Castromil, tamén ferreiro. Tres anos despois, Jesús chamaba ao seu lado á súa esposa Valentina e ao seu fillo de cinco anos. Na derradeira singradura do vello barco Cabo de Hornos chegan, no mesmo 1958, nai e fillo a Montevideo. Na capital uruguaia fundan xuntos no seu propio lar a súa industria familiar: a fábrica de sombrillas e complementos de praia. O neno foi decatándose de que seu pai seguía estando, na outra beira do mar, «sempre en Galicia», e por iso na súa casa non se renunciara ao idioma nativo. Aínda máis: o pai mantiña na retina a parroquia de Tines enteira e o neno foi reconstruíndo a súa primeira infancia polos ollos paternos, e así coñecía os nomes (e alcumes) de familiares e veciños, das leiras, montes e regachos. Cando xa mozo veu por primeira vez á súa parroquia, en 1969, nada lle era estraño. Por esa fidelidade ás raíces, os Suárez sempre estiveron ligados ás institucións galegas de Montevideo, particularmente ao Centro Bergantiños e ao Patronato da Cultura Galega. Dos dous foi Jesús Suárez directivo. Jesús puido cumprir co desexo da maior parte dos emigrantes: volver á Terra triunfante. E así o fixo; sen alardes. Retornou xubilado en 1991, pero quixo traer consigo algo moi persoal do país que o acollera durante 36 anos, e foi así que embarcou o fermoso automóbil que el mesmo restaurara: O Cachilo , un Ford A de 1928 que causara sensación nunha feira en Baio e fora foto de portada da edición de Carballo de La Voz de Galicia (17-12-1991). Eu coido que o cariño que lle tiña era porque lle permitía seguir lembrando de cerca o seu Montevideo. Jesús déixanos boa semente en Galicia, os seus netos, que manterán a lembranza do avó e perpetuarán a súa estirpe. O sábado 8 de xaneiro, as súas cinzas foron depositadas no cemiterio parroquial de Tines, onde xa repousan onda os seus. Coa lembranza nostálxica de Montevideo.