CRÓNICAS SONEIRÁS | O |
27 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.ESTES DÍAS visítame unha amiga que fixen no Centro Galego de Berna. Chámase Romina Voduro e é unha señora italiana que casou hai moitos anos cun galego, tamén emigrante, de A Estrada, e despois de traballar na construcción puxeron un negocio de hostalería na capital suíza. Mina, así lle chamamos as amizades, de nova quería dedicarse á opera, pero ao máximo que chegou foi a actuar de figurante nunha obra menor na Scala de Milán e a cantar de mezzosoprano nun dos moitos coros que hai en Nápoles. Pero ama á opera máis que nada e eu, sabéndoo, aproveitei o festival de corais que houbo o sábado en Carballo para convidala a gozar das moitas e boas agrupacións polifónicas que temos por estas terras. Igual estou equivocada, pero creo que a miña amiga é unha das persoas que coñezo que mais entende de canto coral e, sobre todo, é moi crítica, ás veces cruelmente crítica. Durante as interpretacións estivo calada e atenta; nin sequera no cambio de coros pronunciou unha soa verba, a pesares dos meus comentarios. Foi ao remate cando me falou das súas impresións que eu vou intentar transcribir ao meu xeito. Gustoulle a Coral Polifónica de Bergantiños, ben afinada e cun repertorio moi variado, pero queixouse da pouca potencia das cordas masculinas e preguntoume por que cantaran sete pezas e as outras agrupación só catro. Non lle souben contestar. En canto á Agrupación Polifónica de Carballo (levo dúas tempadas indo a este festival e están mellorando a pasos axigantados, aínda me acordo do de fai dous anos... mellor non lembralo) gabou as dotes artísticas da súa directora e o empaste de cordas, aplaudiu o solo de Manolo Cancela (un señor que sentaba diante nosa bautizouno, esaxeradamente creo eu, como «o Pavarotti de Bergantiños») na última canción e criticou grandemente o despiste dos baixos nos acordes finais da habanera. Despois de escoitarlle isto preguntoume de ir tomar un café e eu, parva de min, díxenlle que se esquecera de comentarme algo do Coro Aires de Bergantiños. Ela miroume con faciana serie e contestoume: «Si, muy bonitos los trajes». E fomos tomar un café.