Os cazadores

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

16 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

O HOME sempre foi cazador, pero dende que un pode comer os bistés no plato e ben quentiños, moitos xa non se sinten atraídos por este agora chamado deporte. Aínda así, quedan moitos afeccionados á escopeta. Na Costa da Morte hai, nada máis e nada menos, que unhas 10.000 armas, que son moitas armas. Postos todos en fila facían un bo exército. Non tería nada que lle envexar ao que Bush e os seus aliados mandaron ao Irak. Algúns destes deportistas levan a súa paixón tan metida no sangue que pensan e falan durante toda a semana das xornadas dos xoves e máis do domingo. Xa decía un vello refrán que «home cazador e troiteiro, nin boa meda nin bo palleiro». E debe ter algo de certo porque a algúns dos que coñezo nunca lles gustou doblar moito o espiñazo. Hainos tamén que aproveitan a suposta afección para deixar a muller cos fillos na casa e ter, deste xeito, unha oportunidade de liscarse e aproveitar unha xornada para pasalo ben cos amigos. Os xantares nestes casos son opíperos e ben regados con viño e chupitos. Pero, como non se pode xeralizar, tamén debo dicir que hai de todo. Hainos tamén dignos de todo o respecto, deportistas de verdade incluso moi coidadosos co medio ambiente e coas especies ás que está prohibido tirar. Sería desexable que fosen os máis, ben é certo. Décadas atrás, os cazadores eran doutra maneira. Sabían coller e máis deixar. Nunca esquilmaban Algúns non tiñan cartos para a pólvora e víanse na obriga de aforrar os tiros. Coñecín a un que cobrou unha lebre cunha vareada por non gastar un cartucho. Tamén os houbo ben pícaros. Coñecían moi ben todos os agochos dos montes e, ás veces, non só cazaban especies cinexéticas.