Pasar a rebola

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

12 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

UN QUEDA abradiado cando ve pola televisión a paixón patriótica dos palestinos. Hai que ver a dor colectiva que sinte o pobo polo seu líder falecido. Soldados chorando coma nenos pequenos pola desaparición de Yaser Arafat, ese home que cando un aínda era cativo xa aparecía na televisión amosando xestos graves. Xa daquela, un tiña a impresión de que ese personaxe non andaba no mundo só para espelicar patacas. Cabe decir tamén que, pola outra banda, no lado xudeu hai quen estes días celebrou alborozadamente a defunción de quen consideraban pouco menos ca un diaño. Isto dá unha idea do difícil que será que os represantes dos dous pobos cheguen a un entendemento. Tanto nun bando como no outro teñen o sangue fervendo e vai ser complicado enfrialo. Aquí, na nosa terra, por sorte, disfrutamos da paz suficiente para non ter que vivir momentos tan crus como os que atravesan os palestinos. O seu enfrontamento con Israel dalle unha gran dimensión á morte do seu rais. Onte comentábame un bergantiñán que Sharón xa non vai ter pega ningunha para pasar a rebola por Palestina. Os homes sabidos da vida son quen de darlle as verbas o uso axeitado. Mentras tomabamos un albariño, o meu interlocutor comentoume que algúns alcaldes da bisbarra tamén pasan a rebola cando lles peta. Hainos que teñen a maioría absoluta e fan e desfán durante catro anos sen ter quen lles dea un chío. O home estaba doído porque o seu rexedor dera ao traste cun proxecto de vivenda que non se aviña á normativa vixente. Entón, díxenlle que os planos urbanísticos hai que respectalos. Doume a razón e amosouse de acordo co dito, pero ten un gran argumento ao seu favor: «Eu só quería que me tratase coma aos seus amigos».