O Simposio Pondaliano

XOÁN POSE VIÑA

CARBALLO

O CARTAFOL | O |

11 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

NESTE ARTIGO non hai nada da miña colleita. Limítome a reproducir fielmente as impresións dos relatores do décimo Simposio Pondaliano, que tivo lugar en Ponteceso e estivo organizado coma sempre pola asociación cultural Monte Branco. Espero contribuír humildemente para que estas xornadas continúen no futuro. O público responde á convocatoria ano tras ano, demostrando así o interese polas análises da obra do bardo. Non se esqueceu facer unha pequena homenaxe a Manuel María coa lectura dun poema dedicado a Fisterra. Xosé Manuel Varela deulle un repaso á historia do Simposio, que se vén celebrando desde 1995, cando aínda non había un peso, polo que se contaba coa xenerosidade dos colaboradores. O Concello de Cabana tamén colaborou regalando unhas carpetas co poema do dolmen de Dombate. Fixo falta a participación de todo o mundo, pois non é doado levar adiante uns xornadas continuadas coma estas. Este ano deuse un paso xigantesco gracias á Igrexa, que acaba de doar unha rectoral para constituír a Fundación dedicada a Eduardo Pondal. Manuel Ferreiro volveunos a deleitar co seu profundo coñecemento da obra do poeta. Dixo que o sentimento deste abrangue todo Bergantiños e algo máis, todo o territorio coñecido como xeografía pondaliana. Lisardo López botoulle unha ollada a Curros e Anxo Angueira, gran recitador, botoulla a Rosalía. Miguel Mato fixo unha análise literaria do fermoso poema Os pinos , onde se fai unha chamada ao pobo cun profundo lirismo ao comezo, e con elementos da patria e da historia cara ao final. Cabe destacar, coma sempre, a presencia de Manuel Rivas, autor dun engaiolante recital acompañado pola guitarra de César Morán. Como guía para a excursión polas terras de Fisterra tivemos unha vez máis a Francisco Fernández Naval. Primeiro visitamos o Museo Marítimo Seno de Corcubión, situado nunha antiga fábrica de salgadura que data de 1880. O director mostrounos material de navegación e pediunos desculpas polas goteiras, dado que o temporal levou algunhas tellas e non contan con medios nin con permiso para levar a cabo unha profunda reforma, totalmente necesaria para manter en bo estado as diferentes salas. Xa en Fisterra, subimos a San Guillerme, un eremitorio ao que acudían (algunhas aínda o fan) as parellas estériles para curar este mal. Ao acabar o percorrido, o noso guía ourensán despediuse dicindo que «é posible ter dúas patrias, dous espacios onde vivir». Gracias e ata o ano que vén.