RADIOGRAFÍAS | O |
05 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.FALÁBALLES onte do Álbum de la Caridad que foi publicado na Coruña en 1862, aquel magno libro que saíu á luz un ano despois dos famosos Xogos Florais. Tanto o acontecimiento como a obra conmemorativa serviu como punto de arranque para o Rexurdimento literario galego. Detrás dese esforzo estaba, como xa lles dixen, o indiano José Pascual López Cortón que, a conta do seu peto, financiou todas as actividades. Incluso os beneficios da venda do libro, é xusto recordar as boas causas, foron doados ao Asilo da Mendicidade da Coruña. Pero volvo ao tema da columna de onte porque debo de recoñecer que cometín un lapsus dificilmente perdoable. Na relación de poetas esquencín a un dos máis grandes que deu Galicia, ao noso bardo de Ponteceso. Eduardo Pondal aportou a este libro o seu poema A campana d'Anllóns. Aqueles vibrantes versos que narran as saudades dun preso bergantiñán nas costas do norte de África, compúxoos Pondal sendo moi novo e estando «algo namorado» da mesmísima Condesa de Pardo Bazán, como el mesmo diría. Mais nese libro tan importante tamén hai outras referenzas á nosa zona. Así está incluído un poema de Rosalía de Castro dedicado á Romaría da Barca. A composición é un fermoso retrato costumista de como era a celebración en Muxía aló polos mediados do século XIX. Falaba así das mozas «De Camariñas ou Laxe, / de Laxe ou de Ponteareas, / todas eran tan bonitas / todas tan bonitas eran / que o de máis duras entrañas / dera as entrañas por ela(...)». Dende pequeno non volvín á Romaría da Barca, pero logo de ler estas gabanzas de Rosalía prometo non faltar a cita en Muxía en setembro do ano que vén.