A segunda casa

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

02 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ANDAN os cazadores a tiros polos montes e penso que esta época non é nada propicia para o amor. Téñase en conta que as corredoiras serven de agocho para moitas parellas. E é lóxico se pensamos que calquera hostal pode custar facilmente corenta euros. Vistos os salarios, a xente nova renuncia á comodidade dunha cama con baño e televisor e refúxiase nun asento abatible, escoitando o compact disc e prendendo de cando en vez o automóbil para activar a calefacción. Por suposto, se a fogosidade é real ata se pode obviar o do aire acondicionado. Tampouco é cuestión de convertir o habitáculo nunha sauna rodante. Os rapaces non queren coches deportivos como se poidera imaxinar. Prefiren, con moi bo siso, automóbiles polideportivos(habilitados para varios deportes). E se o pensan ben esto é razoable. A carestía da vivenda e o difícil acceso á mesma supón que haxa que pararse ben á hora de escoller un coche no concesionario. O automóbil é a segunda casa, quizais á única que se pode acceder sen hipotecarse trinta anos. Un sábado ou un domingo á noite, logo de ir ao cine, a parella media galega fai un «pic-nic» no coche. Levan da casa unha pouca empanada, unha tortilla en papel de aluminio e un par de botes de cervexa. Despois do menú entréganse á arte amatoria sen máis abrigo que o que dan as estrelas e quizais unha pingas de choiva que se estrelan contra o capó do coche. En temporada de caza debería haber zonas acoutadas para as parellas. O amor non se leva ben coas escopetas. Xa que os políticos demostran a súa inutilidade para garantir un futuro estable á xuventude polo menos que salvagarden o seu dereito á intimidade.