Un pequeno milagre

JOSÉ GARCÍA LIÑARES

CARBALLO

CÍRCULO CENTRAL | O |

25 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai 18 anos o Cerceda xogaba en Segunda Rexional (non había Terceira) e deambulaba de campo en campo porque en Cerceda no había. Neses 18 anos o Concello fixo o campo de fútbol e o equipo pasou por Primeira Rexional, Rexional Preferente, Terceira División Nacional e estivo a punto, hai nove anos, de chegar a Segunda B. Daquela ¿non é un pequeno milagre que un equipo de fútbol de Terceira División se enfronte a un gran equipo de Primeira, que foi campión de Liga, semifinalista da Champions League, campión da Copa del Rey e que conta entre os seus xogadores cos mellores? Pois sí, señores o noso «pequeno» enfróntase ao mesmísimo Súper Dépor. Aínda que para nós é unha ilusión o gañarlles, saiban que realmente, gañe o que gañe, levamos a calquera dos dous no corazón. Non falo por min mesmo, senón por moitos cercedenses que tamén son socios do Dépor. Non poño en dúbida que un grande coma el non é fácil de vencer, aínda que só sexa o cara a cara dos nosos xogadores cos deles. ¿Imaxínanse que eu fose o porteiro do Cerceda e que se me estea achegando Tristán para marcar? Tremaríanme as pernas. Pero, que non pensen os xogadores do Dépor que o noso porteiro é coma min, non señor. Ademais, están os outros compañeiros que tentarán que iso non suceda. Ímoslles facer fronte a pesar de que todos somos tamén deportivistas. Esperemos que un milagre máis grande nos faga gañar esta eliminatoria e poidamos seguir a soñar. Sorte hoxe para Cerceda e o seu equipo; e a partir de mañá, tamén para o Súper Dépor.