Unha comarca sen lindes

C. Abelleira CARBALLO

CARBALLO

En directo | Nas Aulas na Costa da Morte Profesores universitarios apostan en Carballo por desenvolver una acción conxunta que rache cos «minifundios políticos» que frean o progreso da zona

23 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

«A Costa da Morte somos moitos, pero ninguén vela por ela por ser unha abstracción». A reflexión de Héctor Pose, profesor da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, resume en poucas palabras a diagnose que fixeron os participantes na primeira das Aulas na Costa da Morte sobre a situación política, económica, cultural e, en definitiva, social, da área xeográfica de referencia. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, cualificouno como «minifundismo político», pero, en definitiva, tanto el como José Antonio Viña, concelleiro de Facenda; o profesor universitario e escritor Xavier Alcalá e o director provincial do Inem, José Manuel Pose Mesura, que exerceu como moderador, coincidiron na necesidade de superar a competitividade municipalista para traballar de forma conxunta, ou «en rede», como acuñou Héctor Pose. Dentro dese obxectivo, aparentemente asumido por todos -tamén polos presentes, arredor de cincuenta-, Carballo é o concello chamado a exercer como eixo ou como locomotora para o resto dos municipios da zona. Entre outras iniciativas propúxose a elaboración dun plan de acción cultural liderado pola capital de Bergantiños e para o cal Héctor Pose ofreceu, publicamente, a súa colaboración. As propostas quedan enriba da mesa.