Aute en Carballo

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

21 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O CAMAREIRO apúntalle a ela un revolto de setas e unha ensalada de afumados e a el uns chipiróns e un solombo de tenreira. Na súa mesa hai unha vela prendida. Lonxe do pretendido romanticismo, parécese demasiado a esas velas eléctricas dos tanatorios. Pasan os minutos e o tempo semella entre os dous un precipicio sen fondo. Comen calados, como se ignoraran a existencia mutua. De cando en vez, ela pousa o garfo e peitea coa man dereita o seu pelo negro rizado. El mira o reloxo, quizais desexando que as agullas bulan arredor da esfera. No resto das mesas hai rebumbio. O restaurante está cheo de pandas de amigos que contan anécdotas en voz alta e parellas que falan máis baixiño, con xestos cómplices. De maneira case imperceptible soa polo fío musical eso de que «siento que te estoy perdiendo» e a escena da parella calada semella xa unha agonía disparatada. Mais a vida felizmente ten contrastes. Nun portal da rúa Desiderio Varela outra parella cea de primeiro unha sopa de bicos frenéticos, sen máis luz que a dos coches ao pasar fugaces. E, se o mundo fose perfecto, Aute debería cantar a través do porteiro automático unhas estrofas de cada vez que me amas...