TERRA E XENTE | O |
12 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.VENRES POLA tarde. Está a chegar o primeiro temporal deste inverno, que está anunciado para mañán e que aquí, coma sempre, chega cunhas hora de adianto. «Dio-lo pague», como se dicía naqueles tempos. Apura a noite e a choiva entra na vila como unha vertical fina cortina de auga salgada e vento que ven do mar para terra; chámanlle vendaval e vén cheo de humidade. Ritmo luminoso A noite adiántase, e os apagóns empezan a facer das súas: encende-apaga, encende-apaga, saltan as alarmas. As dez é noite pechada, nas rúas non se ve nada, non hai alma, o vento fai chegar as pólas das árbores ata o chan, os letreiros das tendas abanean sen xeito e chirrían. Fai unha noite de medo. A chegada á casa é andar ás apalpadas na percura dunha vela, os recordos que veñen da nenez cando isto era tan habitual que sempre había no mesado da cociña unha vela co pescozo cuberto de gotas de cera dunha vella botella. O peor de todo é a noite do venres sen luz, sen tele, as colas nas videotendas non se fan agardar. Os nenos abúrrense, os maiores tamén; estamos tan afeitos ás comodidades que cando nos fallan non sabemos que facer e aburrímonos: ¡Meus pobres! ¿E que tal se contamos uns contos ao redor da luz da vela como facían antes as aboas nas longas noites de pedra? Toda a familia compartindo a cea ao amor do lume, ao pé da lareira, do lar (a sá de estar daquela). Todo escuro, só o brilo e latexar das lapas alumeando as faceiras caladas, os cans quencendo as patiñas nas brasas, e os máis vellos contando contos daquela de viaxes e de meigas. Non había as comodidades de hoxe, non, pero tampouco nunca un apagón foi quen de amargarlle as noites do venres.