A vida nos ollos

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

09 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

EU QUE coñezo dende cativo á señora Heloísa, sei a orixe das cataratas que cobren dun finísimo orballo os seus ollos azuis. Segundo o oftalmólogo, a tea opaca que se lle instalou no cristalino responde a unha doenza que pode ter cura cunha operación máis ou menos simple. Mais creo que o diagnóstico que lle fixo o oculista, aínda sendo correcto clinicamente, non afonda no misterio que se agocha baixo os seus ollos oceánicos. As cataratas de Heloísa teñen que ver en boa medida coas fervenzas enormes, con esas caídas de auga dos ríos que se precipita dende unha grande altura. Porque á señora Heloísa téñoa vista de loito sentada nun rueiro de Camariñas, mirando no mar dende a fiestra dun piso de Caión, coidar un neto con pantalóns curtos nos xardíns municipais de Carballo ou paseando con dificultade por unha pista forestal das Encrobas, mentres a mina é ese burato negro que se perde aló abaixo, nos confíns da memoria. A señora Heloísa téñoa observado, a principios de mes, nos mostradores dos bancos, achegando os billetes a eses ollos que cada vez filtran menos luz, contando con dificultade a ínfima paga que o Estado lle dá polos servizos prestados.