Un descanso merecido

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

07 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

MARÍA E Pedro nunca saíran de Bergantiños pouco máis que para iren á Coruña e a Santiago. Hai que descontar, no caso del, os dezaoito meses que pasou facendo o servizo militar en Ferrol. Cando fixeron cincuenta anos de casados os fillos pensaron que chegara a hora de que descansasen unha tempada. Unha neta encargouse de facer as xestións nunha axencia de viaxes: irían oito días a Lanzarote en réxime de pensión completa nun hotel de catro estrelas. E así foi como o mes pasado Pedro e María se atoparon por primeira vez na súa vida co trámite de coller un avión en voar ata preto das costas africanas. María ofreceulle unha misa á Santa Margarida para que velase e non houbese «contratempos» e Pedro aínda testudou un pouco, resistíndose a deixar unha semana os poucos animaliños que quedaban nas cortes da casa. O caso é que aló chegou a parella e polo visto non o pasaron mal de todo. Agora Pedro resume as vacacións coa seguinte frase:« Bonito é, pero coma aquí aínda non, ho». María, pola contra, bota unhas risotadas farínxeas recordando a bañeira redonda de burbullas: «Mira, muller, era tan ghrande coma o voso lavadoiro», explica para martirio da veciña.